1984 - 2009  DOS INICIOS ATA HOXE.

 

A Asociación Cultural Gamelas e Anduriñas comenzou a dar os seus primeiros pasos da man do mestre da Escola de Párvulos Enrique Penabad, corría o ano 1983. Enrique propuxo comenzar unhas clases extraescolares de baile tradicional que foron moi ben acollidas polos rapaces.

Desta maneira ó ano seguinte, comenzáronse os trámites para dar de alta unha Asociación Cultural que puidese xestionar estas actividades. Decideuse nomear esta Asociación como Gamelas e Anduriñas.

 

                                

 
Dende o noso nacimento fixemos unha aposta clara pola cultura tradicional galega, así o reflexan os nosos estatutos, e para ésto impartimos dende os nosos inicios clases de baile e música tradicional galega.

Entre os anos 1997 e 2002 aumentamos o número de materias dedicadas ó estudio do folclore galego inaugurando o que serían as primeiras clases de cantareiras no Concello, co grupo que chamamos Troula.

E para mostrar o traballo de todolos invernos vimos facendo ininterrumpidamente durante os meses de verán e dende hai vintatrés anos o Festival Folclórico Gamelas e Anduriñas.

  

En Gamelas quixemos ampliar a oferta das nosas actividades e no ano 2004 propuxémoslle a Gabriela Villasuso iniciar un Taller de Patchwork . Esta  iniciativa foi un éxito profundo dende o comenzo.
O grupo de Patchwork ensina a súa artesanía durante as datas de Semana Santa, esta ano celebrarase como xa é habitual nesta data a V Exposicións de Patchwork.

 

 

 UNHA MAREA DE CULTURA.

 

En Gamelas celebramos o noso XX Aniversario cunha marea de Cultura!.

 Durante seis días henchimos o peirao de Espasante de obradoiros: de contacontos, mesas de mezclas, papaventos. Organizamos concertos: rocks e folks; participaron tamén aportando a súa música A Banda de Música de Ortigueira, a formación decana de Bandas de Gaitas de Galicia: a Escola de Gaitas de Ortigueira así como a Banda de Gaitas de Pontedeume.

A estas actividades engadimos o noso habitual Festival de Verán e o debut do primeiro Grupo de Teatro de Gamelas e Anduriñas: Sen Adereço.

Os que integramos Gamelas recordamos a celebración con especial sentimento xa que no vinte aniversario puidemos xuntarnos as diferentes xeracións que compuxemos a Asociación así como desfrutar da visita do noso fundador Enrique Penabad.

Bendeitamos desta Marea de Cultura xa que dende entón vimos desfrutando dunha importante dinamización da Asociación en canto a número de compoñentes, contamos  con 30 socios activos.

Por último non queremos olvidarnos de mencionar A Canción de Tasca que nace co intento de recuperar a antiga tradición mariñeira, que lle é propia á comarca do Ortegal así como á mariña lucense, do canto nas tascas.

            A proposta foi moi ben acollida polo pobo incluso por xentes dos Concellos venciños xa que veñen participando xentes de As Pontes ou Mañon.       Na pasada edición tivemos a honra de contar entre os participantes a Guadi Galego, Uxía Senlle e Uxía Pedreira que nos regalaron as súas voces.


                                                

 

Dende o seu nacimento  ata hoxe, no seu vintacinco  aniversario Gamelas tratou de  aportar ó pobo de Espasante un  pequeno espazo para a cultura,  en concreto para a recuperación,  difusión e dignificación da música  e do baile tradicional galegos,  sendo durante moito tempo a  única Asociación Cultural que  desenrolaba esta última  actividade dentro do Concello de  Ortigueira.

Dende hai pouquiños anos  para aquí, parece que comenzan a xurdir outros grupos interesados no baile tradicional no Concello é para nós unha satisfacción ter sido os pioneiros e ó mesmo tempo saber que xa non estamos sós nesta andaina!.




     GAMELAS e ANDURIÑAS | Asociación Cultural | - Tódolos dereitos reservados. | Copyright (©) 2008